Manifesto de apoio os gandeiros e agricultores fronte ao tratado co Mercosur
Dende a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Maceda, queremos manifestar o apoio aos nosos veciños gandeiros e agricultores nas protestas destes días en relación ao tratado que se pretende asinar entre a Unión Europea e Mercosur.
Entendemos as accións que se están levando a cabo como un xeito coherente e motivado de mostrar nas rúas o descontento do medio rural ante o que todos consideramos un atentado máis a un modo de vida e costumes propias en beneficio de grandes corporacións e do mal chamado progreso que nos queren vender dende esferas externas.
A gandería e mais a agricultura, como todos podemos entender, é fundamental na nosa comarca. O seu peso económico non se limita ao movemento económico do propio sector senón que resulta decisivo como impulso para outros sectores, como o sector servicios e o comercio no que aquí estamos representados a través de esta asociación.
A comarca de Maceda está localizada no interior da Galicia mais rural e agraria. Pertencemos a unha porción do mundo nin mellor nin peor que outras coas que temos lazos de amizade, acordos e transaccións comerciais. Mostramos ao mundo unha forma particular de ser e de facer as cousas como pobo e como sociedade, e este tipo de pactos atacan de forma directa ao noso xeito de vida e, en último termo, á nosa identidade.
Pactos como o que se pretende asinar entre a UE e Mercosur, nacen nos despachos das grandes corporacións económicas, non son froito da necesidade ou do sentir social dos pobos afectados, tanto dun lado como doutro do Atlántico. Resulta lexítimo medrar e aspirar a optimizar os beneficios económicos, como calquera dos comerciantes que aquí estamos representados, pero coa abominable e inmoral diferencia que neste caso se fai cambiando e trucando as regras do xogo ao seu favor. Un xogo que se traduce en que os xigantes da automoción europeas e as grandes corporacións cárnicas e agrícolas do outro lado do charco, se fagan de ouro impóndolle aos pequenos produtores do rural unha serie de restricións abusivas, empregando o seu poder para manexar como monicreques a gobernantes que se afastan, cada día máis, do ideario dos gobernos democráticos.
Ante este panorama dun novo capitalismo globalizado que de un tempo a esta parte está por enriba de persoas, pobos e gobernos lexitimamente elixidos, faise mais necesario que nunca defenderse como pobo coa palabra, coa denuncia e con actos de manifestación pública como os que están levando adiante os nosos gandeiros e agricultores, pero tamén con unha arma tan poderosa como é o noso poder de elección.
Referímonos ao sinxelo pero poderoso acto de mercar. Cando mercamos estamos emitindo un voto de confianza igual que cando depositamos o voto nas urnas nunhas eleccións. Neste caso a confianza nun produto ou un servizo pode ir para unha gran empresa ou para un pequeno comercio. É aí onde reside o noso verdadeiro poder como consumidores.
Produtores, comerciantes, gandeiros, agricultores… no fondo todos somos consumidores. Movémonos dentro de esa roda chamada capitalismo. Un mundo onde todo o que mercamos fica cada vez mais ao alcance, por moi lonxe que sexa producido. Se queremos seguir aquí como pobo con identidade propia e non como unha mercadoría mais, debemos de apoiarnos tanto nas palabras coma nos feitos. Apoiar coas nosas compras a diario a aqueles que son coma nós, que viven onda nós… A nós non nos queda outra alternativa que levantar a voz e actuar, sexa como manifestantes, sexa como consumidores.